Concello
Ábrese a inscrición para os servizos de Aula Lúdica e Madrugadores durante o Nadal
20/11/2021
O Concello abrirá o luns a inscrición para os dous servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través do Programa Harmoniza durante as vacacións de Nadal.
Ambos programas poranse en marcha entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo da Laracha e irán dirixidos a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos cuxos proxenitores xustifiquen a necesidade do servizo.
Madrugadores estará en funcionamento de luns a venres en horario de 7:00 a 9:00 horas. Ademais da atención dos usuarios a cargo de persoal especializado, este programa tamén inclúe o almorzo.
A aula lúdica abrirá a continuación, entre as 9:00 e as 14:00 horas. Neste caso o servizo é gratuíto e inclúe a atención e a realización de actividades lúdicas, educativas e recreativas.
As persoas interesadas en beneficiarse destes servizos deben solicitalo acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha. O prazo remata o 14 de decembro. En ambos casos as prazas son limitadas.