• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Concello e Xunta humanizarán catro rúas do núcleo urbano de Paiosaco

20/11/2021

O Concello ten previsto aprobar na próxima reunión da Xunta de Goberno Local  o acordo de cooperación entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o financiamento do proxecto de humanización das rúas Xosé Loureiro González, Xosé Neira Vilas, Álvaro Cunqueiro e dun sector viario pertencente ao campo da feira de Paiosaco.

O propósito da intervención é crear un entorno urbano que sexa máis amable cos peóns, dotándoos de espazos cómodos e seguros que conviden ao paseo e elevando o nivel dos equipamentos e servizos actuais.

O proxecto prevé o establecemento do sentido único de circulación dos vehículos en todas esas rúas –xa o é actualmente na rúa Álvaro Cunqueiro- para gañar un espazo que permitirá ampliar as beirarrúas –xunto ao campo da feira crearase un novo tramo- e facelas máis accesibles. Tamén será instalado mobiliario urbano, habilitaranse espazos de aparcamento e será mellorada e aumentada a rede de recollida de pluviais.

O investimento alcanzará os 132.000 euros, dos cales o Concello asumirá o 30 % e a Consellería o 70 % con fondos do plan hURBE, co que se pretende dar resposta á necesidade de humanización das vilas e de incrementar os atractivos das vilas como factor determinante de equilibrio territorial.