• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello convoca as novas edicións dos tradicionais concursos de Nadal

19/11/2021

O Concello está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos desde finais de ano e ata a Cabalgata dos Reis Magos. Unha vez máis, no marco deste programa haberá catro tradicionais concursos: os de contos e postais, o de panxoliñas e o de escaparates.

O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” presenta unha importante novidade nesta edición, xa que por primeira vez se realizará de xeito virtual a través das redes sociais. Vai dirixido ás asociacións culturais e coros parroquiais e grupos do municipio, que nesta ocasión deberán enviar un vídeo coa súa panxoliña. Todos eles serán subidos á páxina de Facebook do Concello da Laracha o 23 de decembro, e os usuarios desa rede social poderán votar polos seus favoritos ata o 3 de xaneiro. Polo feito de participar, cada entidade ten garantida unha gratificación económica de 200 euros. Ademais, os tres vídeos con máis “gústame” por parte dos internautas gañarán premios de 400, 300 e 200 euros.

O concurso de escaparates alcanza a súa 26ª edición. Convídase a participar a todos os establecementos e locais comerciais do termo municipal que dispoñan de escaparate exterior. Repartiranse un total de 1.800 euros en premios entre as dúas modalidades: a valoración do xurado e o concurso que se realizará en Facebook.

Aqueles establecementos e locais comerciais que desexen participar deben inscribirse como data límite o martes 21 de decembro e manter o escaparate visible, adornado e sen modificalo ata o día 6 de xaneiro. Ademais, deberán achegar unha fotografía para poder participar no concurso de Facebook.

A valoración do xurado será o mércores día 29 de decembro a partir das 18:00 horas. Tendo en conta as diferenzas entre os produtos dos diferentes comercios, valorarase o esforzo realizado en cada traballo seguindo os criterios de creatividade, orixinalidade, iluminación e composición comercial. Os cinco mellor puntuados obterán os premios (500, 400, 300, 200 e 100 euros).

O concurso de Facebook farase por terceiro ano consecutivo. Na páxina do Concello da Laracha (https://www.facebook.com/ConcelloALaracha/) subiranse as imaxes de todos os participantes o 27 de decembro. As tres que teñan máis “gústame” o luns 3 de xaneiro ás 12:00 horas serán as premiadas (150, 100 e 50 euros).

Por último, lembrar que os concursos de postais e de contos van dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria, estando establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade. En ambos casos a valoración realizarase o xoves 16 de decembro a partir das 11:00 horas na biblioteca municipal da Laracha. Os premios consistirán en xogos e material educativo.

 

DESCARGAS

CONCURSO DE PANXOLIÑAS "MARÍA ANGERIZ TUSET"

Bases

Documento de inscrición

CONCURSO DE ESCAPARATES

Bases

Documento de inscrición

CONCURSO DE POSTAIS

Bases

CONCURSO DE CONTOS

Bases