O CONCELLO DA LARACHA ELIMINOU 60 NIÑOS DE VESPA VELUTINA DURANTE O VERÁN
12/09/2016
O Concello da Laracha, coa colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha, está a desenvolver durante este verán unha campaña dirixida a eliminar niños de avespa asiática (vespa velutina) que se detectan no termo municipal. Hai agora un ano que comezaron a xurdir as primeiras colmeas desta especie invasora e, a pesar dos esforzos realizados, a súa presenza é cada vez máis importante.
Desde o pasado mes de xuño foron retirados no Concello da Laracha uns 60 niños, intensificándose esta actividade na segunda quincena de agosto, cando se recibiron unha media de dous avisos diarios por parte da veciñanza. As parroquias máis afectadas son as de Montemaior, Soandres, Coiro e Soutullo. Salvo en Caión –a única costeira-, en todas as parroquias restantes tamén apareceron colmeas que eliminaron os voluntarios de Protección Civil tras pulverizalas cun insecticida específico para estes insectos.
As últimas actuacións destas características realizáronse na parroquia de Montemaior, en lugares situados a escasa altura, moi preto do chan, e sen estar os niños á vista. En Pazos detectáronse nespras na fachada dunha vivenda deshabitada. Non existía niño, pero si unha importante cantidade de exemplares que accedían ao interior da parede por un pequeno burato pegado a unha das fiestras. No lugar de Balvís as velutinas tiñan oculto o seu niño no interior dun muro de pedra situado nunha zona de monte. En ambos casos os voluntarios de Protección Civil da Laracha –equipados co traxe especial proporcionados pola Xunta de Galicia- rociaron a entrada e os condutos con spray insecticida.
Tal e como puido confirmarse nestes dous lugares da parroquia de Montemaior, as vespas velutinas non soamente fan os seus niños en árbores a gran altura, tamén poden atoparse case a ras de chan, en alpendres ou altillos de tellados, por exemplo.
Co obxectivo de que a veciñanza coñecese estas cuestións, o Concello da Laracha levou a cabo a finais da pasada primavera unha campaña sobre a avespa asiática, que incluíu unha charla informativa impartida por un experto na materia (13 de abril na Casa da Cultura) e a distribución de cartelería por diferentes puntos das parroquias.
Cabe lembrar que as vespas velutinas non supoñen un risco maior para os seres humanos que os dunha nespra autóctona. Non obstante, a súa expansión pode provocar importantes danos medioambientais –aliméntanse de abellas- e tamén en fincas con árbores de froita.
A colaboración cidadá é imprescindible para que as administracións poidan coñecer a ubicación dos niños e actuar para retiralos. No caso de que unha persoa detecte unha colmea desta especie invasora, debe dar a alerta ao Concello da Laracha e á Xunta de Galicia a través do teléfono 012.