• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza un obradoiro de iniciación á práctica da marcha nórdica

15/11/2021

O Concello porá en marcha unha novidosa iniciativa dirixida a promover entre a poboación os estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física. Trátase dun obradoiro de iniciación á marcha nórdica, unha modalidade de exercicio ao aire libre consistente en camiñar coa axuda e impulso de bastóns e que ten a súa orixe no esquí de fondo.

A xornada que organizará o Concello desenvolverase o sábado 27 de novembro na área recreativa de Gabenlle en horario de 10:30 a 13:00 horas. A finalidade é que as persoas asistentes poidan coñecer a técnica de emprego dos bastóns, comprender os principais fundamentos saudables desta disciplina (centrados na mellora da coordinación e do equilibrio, así como na descarga das articulacións) e valorar os espazos  dispoñibles no termo municipal da Laracha para a práctica da marcha nórdica.

A inscrición xa está aberta. Pódese formalizar acudindo ao Concello ou chamando ao 981605001. Terán preferencia as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.

A iniciativa vai dirixida a todos os públicos, tanto nenos como adultos. A organización porá a disposición dos participantes o material necesario para o desenvolvemento da actividade.