Concello
Repartidas preto de 200 bolsas de compost entre os adheridos ao programa “Ti tes a chave”
17/11/2021
Preto de duascentas persoas adheridas ao programa Ti tes a chave, posto en marcha polo Concello para dar a coñecer e impulsar o emprego do contedor marrón da fracción orgánica de residuos sólidos urbanos, recolleron hoxe a súa bolsa co primeiro compost producido na planta de Sogama precisamente empregando eses residuos.
Durante esta mañá un estand estivo situado na Praza do Concello para facer a entrega do material. Previamente enviáranse SMS a todos os usuarios para informarlles da iniciativa.
Nese estand tamén se deron de alta hoxe no programa unha vintena de persoas, recibindo o seu kit de voluntariado marrón formado por un cubo ventilado de dez litros de volume, bolsas compostables e unha chave coa que abrir os colectores da quinta fracción. Cabe lembrar este trámite pode facerse en calquera momento acudindo ao Concello e que xa están adheridas unhas seiscentas persoas e empresas.
Os contedores marróns da fracción de orgánicos están en funcionamento nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión, e tamén na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
Desde o Concello lémbrase que tamén se desenvolven campañas de compostaxe individual dirixidas a persoas residentes no rural e que dispoñen de terreos anexos ás súas vivendas. Coa colaboración de Sogama, de xeito puntual entréganse de balde composteiros domésticos. Para beneficiarse desta iniciativa é preciso presentar a correspondente solicitude no Concello.