Concello
A Fundación “la Caixa” achega 5.000 euros para cofinanciar o programa “A Laracha acolle”
10/11/2021
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o director da oficina de “la Caixa” da Laracha, Javier Andrade García, formalizaron hoxe o acordo por medio do que a Fundación “la Caixa”, a través da Obra Social, achega ao Concello a cantidade de 5.000 euros para o cofinanciamento do programa A Laracha acolle. No acto tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.
A Laracha acolle está previsto que comece a desenvolverse no próximo mes de decembro e que se prolongue ata abril de 2023. O programa ten por finalidade a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes e, máis concretamente, do colectivo prioritario das mulleres.
Componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o “Taller de
alfabetización nas linguas oficiais de Galicia” e pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural “Exprésa-T”, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.
O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.
O espazo de socialización e expresión cultural “Exprésa-T”, reforzando a acción
anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.
José Manuel López Varela mostrouse agradecido á Fundación “la Caixa” por “apoiar durante os últimos anos as iniciativas sociais que se organizan desde o Concello”, mostrando unha vez máis a súa “implicación, sensibilidade e compromiso coa Laracha”.