• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Consellería do Medio Rural desenvolverá na Laracha unhas xornadas técnicas de horta

11/11/2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverá, coa colaboración do Concello, unhas xornadas técnicas de horta na Casa da Cultura da Laracha os días 18 e 19 de novembro.

O noso municipio foi un dos escollidos para a celebración destas xornadas por tratarse dunha das principais zonas deste tipo de produción. O obxectivo é dar a coñecer as posibilidades existentes para comercializar produtos agroalimentarios e concienciar aos participantes sobre a importancia de producir no marco da calidade diferenciada.

Tamén se abordarán outras cuestión relevantes como coñecer experiencias de certificación das producións de horta a nivel de España sabendo como naceron e os principais fitos na súa consolidación, que instrumentos normativos dispoñen para promovela e cal é o impacto dos selos de calidade diferenciada de horta nos mercados.

As xornadas compleméntanse con aspectos máis técnicos relacionados coa saúde dos solos, co emprego sustentable de produtos fitosanitarios e co control das pragas e enfermidades que afectan ás producións hortícolas.

Todas as persoas interesadas en participar poden anotarse de xeito gratuíto no edificio administrativo da Laracha (departamento de Emprego).

Estas xornadas técnicas son unha acción organizada dentro do plan de formación continua agroforestal da Consellería do Medio Rural, cofinanciado con fondos FEADER ao 75%.

DESCARGA

Programa Xornadas