• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberta a matrícula nos cursos formativos que se ofertan a través da Aula Mentor

06/11/2021

O Concello informa da apertura das matrículas para realizar os cursos formativos para adultos que se ofertan á través de Aula Mentor, o programa de formación en liña non regulada, flexible e con titorización persoal promovido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e no que A Laracha forma parte por primeira vez neste curso.

Desde o Concello agárdase unha boa acollida a Aula Mentor despois de que durante o último mes se rexistrasen máis de catrocentas solicitudes de información sobre este programa tanto de xeito presencial nas xornadas de portas abertas como a través da web https://aulamentor.alaracha.gal/. O administrador da aula porase en contacto con todas elas ao longo dos próximos días para informarlles sobre o procedemento de matriculación. Aquelas persoas que desexen realizar algún curso e aínda non se puxeran en contacto co administrador, poden facelo de maneira presencial, vía online a través da web ou tamén por teléfono ou whatsapp no 669963094.

Aula Mentor conta cun extenso catálogo de máis de douscentos cursos titorizados por profesionais da materia cos que ampliar as competencias tanto persoais como profesionais, xa que as persoas que finalicen con éxito a formación recibirán o correspondente certificado oficial.

Todos os cursos pódense facer en liña e nos horarios que cada alumno estime oportuno como alternativa á rixidez propia dos sistemas educativos convencionais. O Concello tamén pon a disposición dos laracheses, de xeito gratuíto, unha aula con equipamento informático situada no edificio administrativo á que se poderá acudir para realizar os cursos de luns a venres en horario de 11:30 a 13:30 horas. En todos os casos cóntase cun docente especializado na materia e un administrador que velarán polo correcto desenvolvemento dos cursos, informando, orientando e axudando aos alumnos en todo o proceso desde a matriculación ata o remate da formación.