• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A exposición “Leviatán” poderase visitar ata o 20 de decembro no centro comunitario de Caión

08/11/2021

O centro comunitario de Caión acolle desde hoxe e ata o 20 de decembro a exposición Leviatán, do artista vigués Ramón Trigo e organizada grazas á colaboración entre o Concello e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte e dentro do programa Pasaporte REMA de espazos museísticos atlánticos.

A mostra foi presentada hoxe polo propio autor das esculturas, tintas, lenzos e debuxos de gran formato que a conforman. Ramón Trigo explicou que Leviatán é o resultado da súa “obsesión coas baleas” e que Caión é o lugar “idóneo” para estreala polo “entorno incomparable” do centro comunitario e a “historia sorprendente” relacionada coa caza da balea nesta vila.

Precisamente o alcalde sentenciou que grazas a Leviatán “voltan as baleas a Caión”, lembrando que ese animal mariño “forma parte do escudo do Concello da Laracha” e que tamén tivo importancia no deseño arquitectónico do novo centro comunitario. O rexedor municipal referiuse á mostra como “unha auténtica xoia” e animou a acudir a presenciala a veciños e visitantes. Concluíu agradecendo a colaboración do GALP tanto para acoller a exposición como para a construción do edificio que, ademais das oportunidades que xa ofrece para actividades de tipo social e cultural, tamén conforma xa o terceiro espazo museístico do termo municipal.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, destacou a importancia da cooperación entre os diferentes GALP, concellos e confrarías de pescadores para “fortalecer as estratexias e proxectos” como o Pasaporte REMA, e coincidiu con Ramón Trigo na idoneidade do lugar da mostra dados os seus contidos.

Evaristo Lareo e Guillermo González, presidente e xerente do GALP Costa da Morte, incidiron en valorar a colaboración entre administracións para levar a cabo proxectos destas características e fixeron un percorrido pola oferta cultural dos diferentes espazos adheridos á Rede REMA, con presenza en toda Galicia, Asturias e norte de Portugal.

O horario de apertura do centro comunitario de Caión para presenciar a mostra Leviatán é de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.