• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello programa unha visita guiada ao Castro de Montes Claros e ao menhir de Erboedo

08/11/2021

O Castro de Montes Claros e o menhir de Erboedo son dous dos elementos arqueolóxicos máis importantes da Laracha. Recentemente o Concello adquiriu os terreos nos que se sitúan co obxectivo de poñelos en valor e potencialos como parte destacada do patrimonio municipal.

Precisamente co propósito de que a veciñanza larachesa poida coñecer ambos elementos e as intervencións realizadas durante os últimos anos, o Concello realizará unha visita guiada pola arqueóloga Puri Soto que terá lugar o sábado 13 de novembro.

A saída do autobús desde a Praza do Concello está prevista para as 10:00 horas. En primeiro lugar visitarase o menhir de Erboedo, o único en pé da Costa da Morte. Tamén coñecido como Marco da Anta ou Pedra do Ghicho, trátase dunha manifestación artística do megalitismo consistente nunha pedra fita realizada en granito e que alcanza os dous metros e medio de altura. Así mesmo, aproveitarase para desfrutar das vistas desde o monte de Santa Locaia, moi próximo ao menhir.

A continuación visitarase o Castro de Montes Claros, o antigo poboado fortificado da Idade de Ferro situado na parroquia de Vilaño que durante os últimos meses foi obxecto das primeiras escavacións arqueolóxicas por parte do Concello.

As inscricións para anotarse nesta xornada son gratuítas e están abertas desde o luns 8 de novembro ás 9:00 horas cubrindo o formulario dispoñible nas redes sociais municipais. As prazas son limitadas e outorgaranse por estrita orde de inscrición.

Formulario de inscrición