Concello
Presentado o programa “A Laracha unida fronte ás violencias machistas” co que o Concello conmemorará o 25 de novembro
05/11/2021
O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. En torno a esa data, o Concello desenvolve todos os anos unha programación municipal específica sobre esta temática que complementa as diferentes iniciativas, actividades e servizos que están á disposición da cidadanía de xeito continuado para loitar contra esa problemática, apoiar ás vítimas e mostrar tolerancia cero cos maltratadores.
Baixo o lema A Laracha fronte ás violencias machistas, esta mañá o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Igualdade, Rocío López Rey, acompañados por persoal técnico municipal, presentaron a campaña municipal. Convídase a toda a cidadanía a participar nas actividades propostas e tamén a formalizar a adhesión á mesma das entidades, establecementos comerciais, empresas e persoas a título individual mediante un formulario que xa está dispoñible na web municipal alaracha.gal.
A Laracha fronte ás violencias machistas contempla a instalación de puntos violetas en Paiosaco (domingo 21, aproveitando a xornada de feira), Caión (martes 23) e A Laracha (xoves 25) nos que se ofrecerá información tanto sobre os recursos ao alcance das vítimas e pautas de actuación ante diferentes supostos de violencias machistas.
O propio día 25 organizarase unha dobre actividade, consistente nunha andaina de ida e volta entre A Laracha e Paiosaco (5,5 km) e, a continuación, a proxección do documental Volar -con posterior charla-coloquio a cargo de Nerea del Campo Aguirre e Arrate Ramírez Baglietto, dúas das súas protagonistas- no que nove mulleres cun pasado de violencia de xénero relatan en primeira persoa as súas experiencias e o seu percorrido vital.
Ademais, tamén se inclúe neste programa unha función dentro dos Venres Teatrais. Será o 26 de novembro con Comando Comadres, un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de artivistas organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais. A montaxe é producida por Matrioshka Teatro e escenificada polas actrices Anabell Gago, Chelo do Rejo e María Ángeles Iglesias.
O alcalde, José Manuel López Varela, referiuse ao 25 de novembro como “un día para recordar”, pero lembrando ao mesmo tempo que o Concello desenvolve iniciativas durante todo o ano dirixidas a promocionar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e contra as violencias “que foron recoñecidas a nivel nacional”. Concluíu animando á cidadanía a participar en todas as propostas incluídas no programa.
A Laracha fronte ás violencias machistas é organizado polo Concello da Laracha e colaboración co Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la violencia de género, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña.
Ligazóns: