• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

En marcha as obras de mellora da rede viaria en catro parroquias

14/10/2021

O proxecto que suporá a mellora de estradas municipais en tramos de acceso a fincas agrarias situadas nas parroquias de Montemaior, Soandres, Cabovilaño e Lemaio xa está en marcha.

Contémplanse catro intervencións diferenciadas, das cales unha xa está finalizada (vía de San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404 na parroquia de Montemaior).

Outras dúas están a ser executadas actualmente de xeito simultáneo. Localízanse nun camiño de Tuixe de Abaixo (parroquia de Cabovilaño) e na vía que comunica ese mesmo lugar con A Costa (discorre polas parroquias de Cabovilaño e Lemaio). Precisamente á última estrada acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Pablo Cambón, para interesarse polo desenvolvemento dos traballos.

A última intervención, que se executará a continuación, afecta á estrada do núcleo de A Ferreira, en territorio das parroquias de Montemaior e Soandres.

En total invístense 74.000 euros a cofinanciar entre o Concello e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no marco do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.