• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello é galardoado por oitava vez nos premios “María Moliner”

27/10/2021

O proxecto de dinamización da lectura titulado Un libro: una sonrisa do Concello da Laracha foi un dos galardoados nos premios María Moliner, o certame nacional que convoca o Ministerio de Cultura y Deporte para gratificar o labor de promoción da lectura desenvolvida polos municipios de menos de 50.000 habitantes.

O Concello da Laracha, que recibe o premio por oitava vez, é un dos dous municipios da provincia da Coruña que foron galardoados este ano. A gratificación económica ascende a 2.104,60 euros, que deberán destinarse exclusivamente á compra de libros ou publicacións periódicas para ampliar o catálogo das tres bibliotecas que existen no termo municipal.

Un libro: una sonrisa é froito da cooperación entre diferentes servizos municipais como a rede de bibliotecas e a aula lúdica. O proxecto naceu co dobre obxectivo de animar aos nenos de entre tres e doce anos de idade a desfrutar do pracer de ler e implicalos nas diferentes actividades que se levaron a cabo desde as bibliotecas municipais dentro dun ambiente propicio para a lectura. Desenvolveuse ao longo de todo o ano e incluíu, entre outras iniciativas, obras de teatro, contacontos participativos, concurso de marcapáxinas e actividades educativas e formativas como visitas guiadas ás bibliotecas.

O Concello celebra a concesión deste premio que valora e dá un impulso á programación cultural municipal dirixida ao público infantil, ao mesmo tempo que permitirá aumentar os fondos das bibliotecas en beneficio de todos os seus usuarios.