• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello volve apostar polas artes escénicas coa organización dunha nova edición dos “Venres Teatrais”

25/10/2021

As artes escénicas regresan á capital municipal da Laracha coa organización dunha nova edición dos Venres Teatrais, unha das citas culturais de referencia dentro da programación anual organizada polo Concello.

O ciclo constará de cinco das pezas máis importantes do momento no panorama galego, que se interpretarán no escenario da Casa da Cultura da Laracha en todos os casos a partir das 21:00 horas.

A primeira función será este venres, 29 de outubro, con Libre como os paxaros, un espectáculo sobre a figura, o pensamento e a obra literaria da escritora galega Rosalía de Castro que percorre, tamén, os acontecementos sociais máis importantes da época. Producida por Teatro do Atlántico e protagonizada pola actriz María Barcala baixo a dirección de Xúlio Lago e co acompañamento musical de Vadim Yukhnevich, a obra vai dirixida a todos os públicos.

O venres 5 de novembro será  a quenda para Running, unha “suorenta comedia” de De Ste Xeito Producións dirixida por Esther Carrodeaguas e escenificada polos actores Sergio Macías e Stephy Llaryora, que entre os dous dan vida a un total de vinte personaxes.

A semana seguinte, o venres 12 de novembro, os coñecidos actores Luis Iglesia e Marcos Orsi chegan á Laracha co seu último espectáculo, a comedia Conexión Pingüín dirixida ao público adulto e producida por Culturactiva. A montaxe é unha reflexión cómica na que se fala da incomunicación entre os seres humanos na era da comunicación.

A penúltima cita, o venres 19 de novembro, tamén será unha comedia para o público adulto. Trátase de Castrapo, producida por Náufragos Teatro e cun elenco formado por Denis Gómez, Victoria Teijeiro e Gustavo del Río. Cóntase a historia dun escritor galego emigrado a Madrid que regresa á terra tralo falecemento do seu pai, atopándose nesa viaxe co seu pasado e a necesidade da procura das súas raíces.

O ciclo pecharase o venres 26 de novembro con Comando Comadres, un espectáculo en clave de humor para público adolescente e adulto no que un grupo de artivistas organizadas en diferentes comandos poñen en evidencia as múltiples manifestacións da violencia patriarcal e cuestionan a persistencia dos seus valores no pensamento hexemónico actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais. A montaxe é producida por Matrioshka Teatro e escenificada polas actrices Anabell Gago, Chelo do Rejo e María Ángeles Iglesias.

En todas as funcións o acceso do público será gratuíto ata completar o aforo máximo da sala, que actualmente é do noventa por cento da súa capacidade. As persoas asistentes deberán portar máscara facial durante todo o espectáculo.

O programa Venres Teatrais é organizado polo Concello da Laracha coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco do programa  FalaRedes, e tamén da Deputación Provincial da Coruña.

 

Descarga

Cartel Venres Teatrais 2021