Concello
A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero celebrou unha nova reunión no Concello
21/10/2021
A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse no Salón de Plenos da Casa do Concello, recuperándose así as xuntanzas que se realizaban cunha periodicidade trimestral, pero que non puideron celebrarse desde xaneiro do ano 2020 por causa da pandemia.
A reunión estivo presidida polo alcalde, José Manuel López Varela, contándose tamén en representación do Concello coa edil de Igualdade, Rocío López Rey, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, o axente de igualdade e unha das traballadoras sociais do departamento de servizos sociais. Por parte dos centros de ensino participaron os directores e directoras e orientadoras dos CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión, e tamén do IES Agra de Leborís. Representando ao centro de saúde da Laracha acudiron a pediatra e a enfermeira de pediatría.
Trala presentación dos novos integrantes da Mesa e a revisión dos acordos tomados na xuntanza anterior, abordáronse os mecanismos de coordinación interinstitucional entre os diferentes membros no caso de detectarse situacións de risco. Neste sentido, avanzouse na creación e posta en funcionamento dun protocolo de actuación sobre o procedemento a seguir para derivar posibles vítimas desde o centro de saúde ao CIM e viceversa.
En relación aos centros de ensino, falouse sobre o programa de actividades a desenvolver en torno ao 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, e recolléronse propostas sobre os contidos principais a incluír nos obradoiros de promoción da igualdade entre homes e mulleres que se levarán a cabo baixo a coordinación do CIM.
Por último informouse de que o Concello ten en proceso de redacción o novo Plan de Igualdade municipal, explicándose o traballo realizado durante as últimas semanas e solicitando a implicación e cooperación no procedemento de elaboración do mesmo de todas as persoas integrantes desta Mesa.
É preciso lembrar que a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais: a de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino e a de coordinación policial.
O Concello da Laracha mostra unha vez máis o seu agradecemento a todos os sectores profesionais representados nestas mesas sectoriais e a súa total disposición para traballar xuntos na loita contra a violencia de xénero.