• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO PROXECTA A CONSTRUCIÓN DE BEIRARRÚAS EN EUSEBIO BÉRTOA QUEIJO

12/09/2016

Na última reunión da Xunta de Goberno Local acordouse que o Concello da Laracha solicitará a colaboración económica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para o financiamento do proxecto de construción de beirarrúas na rúa Eusebio Bértoa Queijo, situada no casco urbano da capital municipal. Faise ao abeiro da convocatoria de subvencións destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020 (DOG número 149 do 8 de agosto de 2016).   

O proxecto consiste na creación de beirarrúas na marxe esquerda da rúa Eusebio Bértoa Queijo en todo o seu percorrido, desde o punto de confluencia coa Avenida Fisterra (estrada AC-552) e ata o cruce coa rúa Epifanio Campo Núñez.   

A actuación deseñada polo Concello da Laracha ten un carácter eminentemente social dado que a finalidade é mellorar as condicións de accesibilidade para os peóns nunha das rúas que dirixe, por un lado, ao centro de día e fogar residencial públicos da Laracha, ás instalacións do CEIP Ramón Otero Pedrayo e tamén ao cuartel da Garda Civil, e pola outra parte á zona na que se sitúan o centro médico da Laracha, o centro sociocultural de Santa Lucía e a praza Maximino Canedo.   

A valoración económica do proxecto sitúase en torno aos 80.000 euros.   

Licencias urbanísticas   

Salientar, tamén, que na Xunta de Goberno Local foron concedidas tres licencias urbanísticas, das cales unha correspondeu á construción dunha vivenda unifamiliar.

Compartir: