• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A nova área de recreo canino creada polo Concello xa está aberta para o seu uso

15/10/2021

A nova área de recreo canino está desde hoxe aberta para uso e desfrute da cidadanía larachesa e as súas mascotas. O Concello creou esta infraestrutura de titularidade municipal nunha parcela de 1.300 metros cadrados de superficie situada na confluencia entre as Avenidas Manuel Fraga e Bos Aires do núcleo urbano da Laracha.

O acceso ao recinto conta con dobre porta e un valado perimetral -co obxectivo de evitar que os cans poidan escapar del-, unha marquesiña con banco, unha ducha de arco, unha fonte de auga potable de dobre uso para persoas e mascotas, un dispensador de bolsas e un contedor de excrementos.

O ámbito de esparexemento foi dividido en dous espazos diferenciados e adaptados ás necesidades das diferentes razas de cans polas súas características, condutas e tamaño. Cada un deles dispón de elementos e xogos. Ambas áreas tamén están valadas perimetralmente, presentan diferenzas de releve e son de gran superficie para que os cans poidan correr en liberdade. Contan con zonas de prado, area e percorridos con diversidade de xogos para o exercicio físico dos animais (túnel ríxido, salto de muro, slálom, etc).

Esta iniciativa foi promovida polo Concello ante o notable incremento na cifra de cans de compañía existentes nas zonas urbanas e co obxectivo de que as mascotas teñan á súa disposición un espazo público amplo, seguro e cun equipamento especialmente pensando para que poidan xogar, realizar exercicios para manter a saúde e favorecer a socialización con outros cans.

Este proxecto supuxo un investimento próximo aos 35.000 euros, financiados integramente con fondos municipais.