• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CEIDA realizará a charla divulgativa “Veciñas do mar e do ceo” en Caión

16/10/2021

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) celebrará, en colaboración co Concello da Laracha, a charla divulgativa Veciñas do Mar e do Ceo, sobre a situación das distintas especies de aves mariñas que residen ou transitan pola Costa da Morte. Será no Centro Socicomunitario Costa da Morte de Caión o vindeiro venres 22 de outubro, ás 19 horas, con entrada gratuíta ata completar a capacidade máxima da sala.

A actividade ten o obxectivo de dar a coñecer entre a veciñanza de diferentes vilas costeiras da Costa da Morte, o Golfo Ártabro e o Ortegal este valor natural tan interesante que teñen no seu territorio e amosar de xeito sinxelo e divulgativo toda a información recollida no marco do proxecto Aves Ártabras (ÁRTABRO2) .

O proxecto ARTABRO2, (#avesartabras) ten como obxectivo a investigación, coñecemento e posta en valor das aves mariñas da costa coruñesa entre as Illas Sisargas e a provincia de Lugo (especies como o corvo mariño cristado, gaivotas, pardelas e outras) así como das súas interaccións coa actividade pesqueira, partindo da base de que esta actividade pesqueira tradicional do noso territorio é sostible e compatible coa conservación destas especies. Froito deste proxecto realizamos censos e traballos moi interesantes ao longo da costa de todo este territorio, e obtivemos imaxes, vídeos, e información moi interesante sobre as poboacións das nosas costas. 

En concreto, na costa da Laracha, na contorna de Caión e Punta Atalaia, existe unha importante colonia de cría de corvo mariño, especie ameazada, e que lle outorga un importante valor ambiental ao seu concello. Esta colonia tamén foi estudada no marco do devandito proxecto.

Proxecto ÁRTABRO2 (Aves Ártabras)

Estas investigacións enmárcanse na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA (ÁRTABRO2), unha iniciativa que busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes na beiramar da provincia da Coruña e propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais.

Este proxecto tivo a súa primeira fase durante o ano 2019 e ten a súa continuación neste 2021, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

O CEIDA

O CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, é un consorcio conformado pola Xunta de Galicia, a Concellería de Medioambiente e o Concello de Oleiros que leva máis de 20 anos sendo o Centro de Referencia para a Educación Ambiental en Galicia.

Ten a súa sede no Castelo de Santa Cruz e na actualidade entre os proxectos que xestiona está o proxecto ÁRTABRO2. Cara a xestión integral das ZEPA do noroeste da Península Ibérica” co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través do Programa Pleamar.