Concello
A exposición fotográfica «Fillos do Océano» poderase presenciar no centro sociocomunitario de Caión ata o 30 de outubro
08/10/2021
O centro sociocomunitario de Caión acolle desde hoxe a exposición «Fillos do océano», unha síntese das mellores imaxes que o fotógrafo Javier Teniente tomou, durante varios anos, nunha viaxe por comunidades pesqueiras tradicionais de todo o mundo. Poderanse contemplar ata o 30 de outubro en horario de 17:00 a 20:00 h de luns a venres e de 10:00 a 13:00 h os sábados.
Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello da Laracha, ABANCA e Afundación. Na apertura da mostra estiveron José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Juan Manuel Pazos Álvarez, director da oficina de ABANCA na Laracha.
«Fillos do océano» é parte do proxecto «Corrente cultural» que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística más aló das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas como Caión para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
«Fillos do Océano» é unha exposición de fotografía documental que presenta a forma de vida de poboacións que aínda subsisten grazas á pesca artesanal en países como India, Senegal, Vietnam, Sri Lanka, Madagascar e, tamén, Galicia. Javier Teniente investiu varios anos fotografiando a forma de vida destas comunidades que dependen exclusivamente do mar e que están a sufrir o esgotamento dos recursos mariños por sobreexplotación ou por causa da contaminación.
A mostra constitúe unha homenaxe a todos eses pescadores que viven do mar e para o mar e obteñen del todo o necesario para a súa supervivencia. Tamén é unha chamada de atención e de concienciación social a favor da preservación dos ecosistemas mariños, para que se regulen tanto as pesquerías como a contaminación marítima. «Só así, preservando o medio ambiente, conservaranse as culturas ligadas á pesca artesanal. Un modo de vida co que, certamente, non se obteñen tantos beneficios a curto prazo como coa pesca industrial, pero que é máis sostible social e ambientalmente», sinala o fotógrafo.
Javier Teniente iniciou o seu traballo profesional nos diarios Faro de Vigo e Atlántico Diario, nos que realizou o seu labor como fotógrafo de prensa durante varios anos, ata considerarse preparado para emprender o seu percorrido como reporteiro. Esta nova etapa levouno dun extremo a outro do mundo, cubrindo algúns dos máis importantes acontecementos das últimas décadas. Na actualidade traballa como fotógrafo independente, representado pola axencia Getty Images. Entre os anos 1998 e 2005 colaborou como fotógrafo coa ONG Médicos del Mundo e cubriu conflitos bélicos e desastres naturais en diferentes lugares, entre os que cabe destacar os traballos realizados en Centroamérica (Huracán Mitch 1998), Kosovo (1999), Timor (1999), Iraq (2003), Haití (2004) ou o tsunami en Banda Aceh, Indonesia (xaneiro de 2005). Gañou en dúas ocasións o prestixioso Premio Internacional Luis Valtueña de Fotografía Humanitaria (2003 y 2005), ademais de recibir o Premio Galicia de Comunicación (2004) e unha mención especial nos Premios Ortega y Gasset de Periodismo (2006).