Concurso
O Concello conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais cun concurso de fotografía
06/10/2021
O Concello da Laracha únese o venres 15 de outubro á conmemoración do “Día Internacional das Mulleres Rurais”, e a tal efecto convoca o concurso de fotografía “Día da Muller Rural” no que se repartirán premios por valor de 700 euros para gastar nos establecementos do termo municipal.
O obxecto do certame é reflectir nas imaxes as particularidades das mulleres rurais presentes e pasadas da Laracha, poñer en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local.
Poderá participar no concurso, de forma individual, calquera persoa de calquera idade e nacionalidade que sexa residente no termo municipal da Laracha.
O concurso de fotografía “Día de Muller rural” consta de dúas categorías:
- “Mulleres rurais do presente”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha na actualidade. O obxectivo é que as fotografías poñan en valor o papel e o traballo desempeñado polas mesmas e a súa contribución ao desenvolvemento local da Laracha.
- “Mulleres rurais do pasado”: As fotografías recollerán imaxes da vida cotiá das mulleres do rural da Laracha no pasado. O obxectivo é recuperar fotografías antigas que amosen aspectos da vida e o traballo das mulleres rurais da Laracha no pasado.
As persoas que desexen participar teñen que enviar a fotografía e unha breve descrición da mesma a través deste FORMULARIO ou ben de xeito presencial no Edificio Administrativo da Laracha. O prazo finaliza o 25 de outubro.
Outorgaranse tres premios ás tres fotografías de cada categoría que obteñan máis “me gusta” no Facebook do Concello da Laracha dende o día 26 de outubro e ata o 1 de novembro ás 10:00 horas. Os premios outorgaranse polo número de “me gustas” sendo o 1ª premio o que máis “me gustas” obteña. Así, os premios de cada categoría son:
- 1º premio: un vale por valor de 200€ para gastar nos establecementos do termo municipal.
- 2º premio: un vale por valor de 100€ para gastar nos establecementos do termo municipal.
- 3º premio: un vale por valor de 50€ para gastar nos establecementos do termo municipal.
Ligazón: Bases do concurso no BOP.
"O emprendemento no rural: mulleres que inspiran"
Para completar a programación polo Día internacional das Mulleres Rurais, o próximo 14 de outubro teremos unha charla sobre emprendemento de mulleres no medio rural. Será a cargo de Verónica Marcos Arrojo, Presidenta da Federación Galega de Mulleres Rurais (Fademur), que abordará a situación actual das mulleres no ámbito rural e presentará casos de éxito de emprendemento de mulleres que poden servir de inspiración.
Será as 17:00 horas no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte (Museo dos Muíños de Golmar).
En ambas iniciativas o Concello conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.