• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha participa en Malta no terceiro evento do programa europeo centrado na crise migratoria

01/10/2021

O Concello da Laracha está a participar no terceiro evento do proxecto Strengthening a Europe of solidarity in times of migration (Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración) que se desenvolve en Malta.

A temática deste programa céntrase en acadar respostas á crise migratoria que se vive actualmente en Europa desde os valores da comprensión, a integración e a creación de novos puntos de vista para comprendela e afrontala. Estase a facer a través do diálogo e da reflexión social para contribuír a mellorar a comprensión cidadá da Unión Europea, a súa historia e diversidade, ademais de fomentar a participación democrática en relación ás políticas de migración e promover o voluntariado e o compromiso intercultural.

Os socios do proxecto son 20 municipios e entidades de 19 países europeos diferentes. O Concello da Laracha, que é quen o lidera, está representado neste evento en Malta nas figuras do alcalde, José Manuel López Varela, e das concelleiras Rocío López e Adelina Liste.

A primeira toma de contacto entre os socios fora na Laracha hai agora dous anos. En febreiro de 2020 tivo lugar a segunda na cidade lituana de Kaunas, centrada na problemática migratoria nas zonas fronteirizas da Unión Europea coas repúblicas soviéticas. Despois do aprazamento por causa da pandemia, agora retomouse o proxecto con este encontro en Malta, que se prolongará durante a fin de semana e que versa sobre o coñecemento dos problemas derivados da crise humanitaria no mar Mediterráneo.

No día de hoxe foron recibidos polo anfitrión, David Schembri, alcalde do municipio de Qrendi. Durante a xornada puideron coñecer os diferentes centros de acollida de inmigrantes, afondando na problemática da súa chegada masiva e os procedementos que se seguen desde que arriban en pateiras á costa maltesa. Os socios do proxecto tamén asistiron ás ponencias ofrecidas por Alexander Tortell, xefe da oficina de integración, e Glen Cachia, o responsable de reunificación familiar da Cruz Vermella de Malta.

Ademais, foron recibidos polo ministro de Igualdade, Investigación, Innovación e Coordinación da Estratexia post covid-19, Owen Bonnici, que explicou o sistema que desenvolve o país para dar resposta á inmigración. O alcalde, José Manuel López Varela, departiu con el e convidoulle a coñecer o Concello da Laracha e visitar Galicia durante o Xacobeo.

Na xornada de mañá o programa prevé visitas de tipo cultural durante a mañá e, pola tarde, encontros no municipio de Malsa co seu alcalde, Josef Azzopardi, incluíndo testemuñas de inmigrantes integrados nesa localidade.

O proxecto Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración é financiado integramente pola Unión Europea no marco do programa Europe for Citizens. Os últimos eventos serán en Croacia a finais de novembro e en Venecia a principios de ano 2022.