• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Adxudicado a Aspaber o novo contrato de limpeza viaria

02/10/2021

Na reunión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar ao centro especial de emprego Aspaber S.L. o novo contrato de limpeza viaria por un período de catro anos prorrogables por outros dous máis. Dáse a circunstancia de que esa é a mesma entidade que viña prestando o servizo nos últimos anos.

Este contrato está valorado nun total de 661.000 euros máis o IVE correspondente. A principal novidade será a inclusión da limpeza da praia de Caión. Ademais, como no anterior contrato, contémplase o varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais, baldeo mecánico (limpeza mediante auga a presión), eliminación de herbas no borde da calzada, mantemento de papeleiras e intervencións especiais (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc).

Cabe lembrar que o procedemento de contratación fora dirixido exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.

Modificación contrato servizo de limpeza de edificios municipais

Na Xunta de Goberno tamén se acordou modificar o contrato en vigor referido á limpeza de edificios e instalacións municipais para incluír no mesmo o centro comunitario de Caión recentemente inaugurado. O cambio contempla o incremento no número total de horas do servizo e a correspondente compensación económica á empresa concesionaria.

Licencias urbanísticas

Foron concedidas dúas licencias urbanísticas, das cales unha é para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar das Rañeiras, na parroquia de Lestón.