• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO INVISTE 21.000 EUROS NA PAVIMENTACIÓN DO INTERIOR DO CEIP OTERO PEDRAYO DA LARACHA

01/09/2016

O Concello da Laracha está a desenvolver as actuacións oportunas de posta a punto e mellora das instalacións dos centros educativos do municipio de cara ao inicio do curso escolar 2016-2017, previsto para o vindeiro día 12 de setembro.   

A actuación de maior entidade estase a executar actualmente no interior do recinto do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, o que é o colexio do termo municipal no que cursan os seus estudos un maior número de alumnos.   

As obras consisten na completa pavimentación con aglomerado asfáltico e quente de ambos laterais e a fronte do novo edificio de infantil –no que se iniciara a actividade a principios do ano 2016-. A actuación tamén contempla renovar o pavimento no ámbito situado entre os outros dous edificios do centro para corrixir as deterioracións provocadas polo paso do tempo.   

O Concello da Laracha inviste máis de 21.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais co obxectivo de que nestes puntos de actuación no interior do centro educativo o tránsito a pé –e, de existir a necesidade, tamén o rodado- sexa plenamente cómodo e seguro.   

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o edil responsable da área de obras públicas, Jesús Souto, quixeron comprobar esta mañá persoalmente o desenvolvemento dos primeiros traballos previstos.   

Nos próximos días, antes do inicio do curso escolar, o CEIP Otero Pedrayo da Laracha será obxecto doutra actuación –valorada en 6.000 euros- dirixida a renovar o parque infantil existente nas inmediacións dunha das entradas do centro.

Compartir: