Concello
O Concello programa andaina, contacontos e obradoiros infantís no museo de Golmar
25/09/2021
O Concello organizará actividades no Centro de Interpretación dos Muíños da Costa da Morte durante o mes outubro.
O domingo día 3 farase a Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro, andaina incluída no programa A Laracha Activa de 4,2 quilómetros e dificultade baixa, polo que a inscrición está aberta a todos os públicos cubrindo este FORMULARIO.
O sábado 16 teremos Contos do Mundo, un contacontos para nenos de 5 a 10 anos que realizará a entidade Solidariedade Internacional de Galicia. Trátase dunha proposta educativa que pretende achegar outras culturas e realidades diferentes poñendo en valor e fomentando unha mirada positiva cara o diferente.
Ademais, os nenos de 6 a 12 anos poderán participar en dous obradoiros que se levarán a cabo no Centro de Interpretación .O primeiro deles, o do sábado 23, titúlase Pirámide da Alimentación. Os cereais e a dieta atlántica. Versará sobre a importancia dos cereais na alimentación equilibrada. Preséntase como un xogo no que ir aprendendo a importancia da nosa dieta atlántica avaliada pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela. Montarase unha pirámide alimenticia e aproveitarase para repasar como son en galego os nomes das diferentes froitas, legumes, peixes, cereais, etc.
O obradoiro do venres 29 será O Samaín, unha festa tradicional do rural galego co acendido dunha cartela, contos na lareira do Centro de Interpretación, proxección de sombras na aula escura, diferentes obradoiros orixinais, colares de castañas, valeirado de cabazas e moitas sorpresas.
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga de Golmar conta co distintivo de centro azul polo seu labor de educación ambiental que se pon de manifesto coa organización deste tipo de obradoiros. Ademais, o museo está aberto ao público os venres o os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden concertarse visitas de grupos en calquera outra data.