• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Formalizado o contrato do proxecto que transformará a rúa Silverio Moreda Alvariño da Laracha

16/09/2021

A rúa Silverio Moreda Alvariño está situada no núcleo urbano da Laracha e enlaza dúas vías vertebradoras das comunicacións rodadas como son a Avenida Fisterra (estrada AC-552) e a Avenida de Caión (estrada DP-1913). Nesa rúa actualmente está permitido o dobre sentido de circulación e existen tanto beirarrúas como zonas de aparcamento gratuíto de vehículos a ambas marxes.

O Concello da Laracha, consciente das dificultades que iso implica para a circulación, promove o proxecto que transformará esta céntrica rúa. A actuación está valorada en 85.500 euros e será executada pola construtora carballesa Vázquez y Reino. Precisamente hoxe o alcalde, José Manuel López Varela, e o responsable da empresa Diego Vázquez, formalizaron o contrato como trámite administrativo previo ao inminente inicio das obras.

Así, na rúa Silverio Moreda Alvariño será establecido o sentido único con entrada pola Avenida Fisterra e saída pola Avenida de Caión, xunto á igrexa parroquial da capital municipal. O proxecto da obra contempla a ampliación das beirarrúas, melloras na accesibilidade e na iluminación pública e a completa sinalización horizontal e vertical en toda a rúa.

Con esta intervención aumentarase a seguridade viaria tanto para os vehículos para os peóns ao facilitarse a circulación e conservaranse as prazas de estacionamento a ambas marxes da calzada en beneficio tanto das persoas residentes como dos establecementos comerciais situados nesta zona.