Concello
A Xunta de Goberno outorga as subvencións municipais a entidades culturais, deportivas e educativas
15/09/2021
Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe foron adxudicadas as subvencións municipais da convocatoria dirixida ás asociacións culturais e educativas, clubs deportivos e Anpas para o desenvolvemento de actividades de interese xeral, así como aos deportistas locais máis destacados.
Vinte e catro entidades e unha deportista individual -a totalidade das solicitudes presentadas- serán os beneficiarios desta liña de axudas e repartiranse 97.300 euros. O acordo foi tomado a proposta da Comisión de Valoración, encargada de analizar as solicitudes presentadas e de establecer a contía das axudas en base aos diferentes criterios estipulados na convocatoria. Valorouse a actividade permanente de cada asociación, número de eventos organizados, volume de persoas participantes e, no caso dos clubs deportivos, a existencia de categorías inferiores e a cifra de fichas federativas, entre outras pautas. No apartado de deportistas individuais tivéronse en conta os resultados en competicións dos diferentes ámbitos xeográficos. Neste caso a convocatoria foi dirixida a aqueles deportistas que non realizaron a súa actividade como parte dun club, asociación ou entidade beneficiaria desta mesma liña de axudas.
Este importante esforzo económico soamente é unha parte da colaboración do Concello con estes clubs e asociacións, aos que tamén se presta un continuo apoio organizativo para o desenvolvemento das súas actividades, cedendo ademais, en moitos casos, instalacións de titularidade municipal de xeito totalmente gratuíto.
Adxudicación de contratos de obras
Na Xunta de Goberno Local tamén foron adxudicados dous contratos de obras que suman un investimento total de 306.500 euros.
A actuación de maior orzamento -243.500 euros- será financiada integramente con fondos propios municipais e foi adxudicada a Construcciones López Cao. Consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e O Pereiro, que forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo. Contempla o ancheamento da plataforma da calzada para dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil que reforce a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.
O outro proxecto céntrase na parroquia de Caión, está valorado en 63.000 euros e será executado por Construcciones Cernadas. Consiste nunha intervención en Xermaña coa que se mellorará tanto o saneamento de residuais coa instalación dun novo bombeo como a rede viaria, estando contemplada a renovación da superficie de rodadura en dous camiños.
Nos próximos días formalizaranse os contratos como último trámite administrativo previo ao inicio das obras.