• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolverá un novo obradoiro de emprego coa colaboración da Xunta de Galicia

11/09/2021

O Concello e a Xunta de Galicia continúan cooperando para desenvolver na Laracha políticas activas de emprego e ofrecer á veciñanza oportunidades para mellorar a súa empregabilidade e formarse en sectores con demanda de traballadores cualificados.

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de notificar a resolución pola que se concede a achega económica necesaria para o desenvolvemento do Obradoiro de Emprego A Laracha VII, o sétimo programa dual de formación e emprego que organizará o Concello da Laracha.

Este novo obradoiro terá unha duración de nove meses e constará de dúas especialidades, a de pintura industrial en construción –que centrará as intervencións en edificios públicos e equipamentos de titularidade municipal- e a de atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Cada unha delas contará con dez alumnos-traballadores. Ademais, o equipo directivo, formativo e administrativo estará composto por un director, un mestre para cada unha das dúas especialidades, un mestre/titor e un auxiliar administrativo. Por tanto, en total serán contratadas un total de 25 persoas.

En próximas datas o Concello iniciará os procesos selectivos. As persoas que desexen optar a un dos postos de alumnos-traballadores deben estar empadroadas no termo municipal da Laracha, atoparse en idade laboral e estar inscritas na súa oficina de emprego de referencia como demandantes de emprego e, ademais, como interesadas en participar en programas formativos como este obradoiro.

Os vinte alumnos traballadores, vinculados ao Concello cun contrato de formación, ademais de acceder a unha remuneración económica durante os nove meses e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza do termo municipal da Laracha, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.