• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO ABRE A POSIBILIDADE A MOZOS VOLUNTARIOS DE COOPERAR NAS ACTIVIDADES MUNICIPAIS

01/09/2016

O Concello da Laracha abriu o prazo de inscrición para que mozos de entre 16 e 30 anos de idade poidan participar nunha iniciativa de voluntariado xuvenil cooperando no desenvolvemento de actividades municipais de tipo cultural, social, educativo e deportivo durante os próximos meses.   

O programa ponse en marcha en colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de subvencións para entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil (DOG número 58 do 28 de marzo de 2016).   

Deste xeito o Concello da Laracha promoverá a participación social da xuventude a través da acción voluntaria, concienciando á poboación, e especialmente aos mozos, sobre as posibilidades que lles ofrece esta actividade tanto no seu proceso formativo e de aprendizaxe como no aspecto das relacións sociais.   

O Concello da Laracha poderá incluír neste programa a un máximo de oito voluntarios. Durante os sesenta días de duración do programa, as xornadas serán de seis horas e os participantes percibirán unha compensación económica diaria que cubrirá os gastos de manutención e transporte. Durante o período no que desenvolvan a súa actividade, as persoas voluntarias terán cobertura de seguro de responsabilidade civil e de accidentes. Ao remate do proxecto obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.   

Os mozos de entre 16 e 30 anos de idade que desexen participar neste programa como voluntarios deberán presentar a correspondente solicitude no Concello da Laracha.

Compartir: