• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde e o vicepresidente da Deputación reúnense para estudar a transformación da avenida López Astray

07/09/2021

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, mantiveron hoxe unha reunión de traballo na Casa do Concello para estudar as posibilidades de transformación da Avenida Doutor López Astray, o tramo urbano da estrada provincial DP-1913 ao seu paso pola capital municipal.

O alcalde presentoulle ao vicepresidente da Deputación a proposta do Concello, xa plasmada nun anteproxecto, coa que pretende converter a céntrica rúa “nun lugar máis accesible e habitable para a cidadanía larachesa, no que se optimice o equilibrio entre os peóns e os vehículos e no que os plataneiros, as árbores protexidas existentes a ambas marxes, sexan conservadas e gañen protagonismo quedando perfectamente integradas no entorno”.

A idea do Concello é converter a Avenida López Astray nunha vía de plataforma única, na que quedarían á mesma altura os espazos diferenciados para a circulación dos vehículos –establecéndose o sentido único en dirección saída da Laracha-, estacionamento –a ambas marxes da calzada- e ámbito peonil. A intervención abarcaría unha lonxitude de 545 metros –entre os puntos de confluencia coa Avenida Fisterra e a rúa Santiago- e unha anchura media duns 12 metros.

O Concello valora a intervención en 1,3 millóns de euros. Para López Varela trátase dun investimento que permitiría “embelecer o centro do núcleo urbano da Laracha, facer o ámbito máis atractivo para residentes e visitantes, aproveitar ao máximo os espazos públicos e impulsar a actividade económica da zona, ao mesmo tempo que se aumentaría a seguridade viaria”.

O alcalde tamén avanzou que, no caso de que a Deputación executase estas intervencións, e unha vez transformada a avenida Doutor López Astray, o Concello solicitaría a cesión da titularidade da vía, asumindo desde ese momento o mantemento e conservación da mesma.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, explicou durante o encontro que “precisamente estamos estudando a adaptación das vías provinciais, que están deseñadas para outras épocas e para outros modelos, cara a un modelo de cohexistencia de usos, dando cabida ao tráfico rodado pero tamén prestando especial atención aos desprazamentos peonís en condicións de seguridade”. Neste sentido, Xosé Regueira lembrou que “hai tramos de vías provincias que orixinariamente foron deseñados como estradas e que a día de hoxe funcionan como travesías urbanas, polo que precisan actuacións de mellora acordes coa súa función actual”.

No caso concreto da actuación de mellora da Avenida Doutor López Astray, o vicepresidente valorou positivamente que a proposta contemple aspectos como a preservación das árbores protexidas e un maior protagonismo dos espazos peonís, e asegurou que se terá en conta a proposta realizada desde o Concello da Laracha posto que está en liña co modelo de vías urbanas no que está traballando a Deputación.