• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aberto o prazo para solicitar as bolsas de estudos e as axudas ao alumnado para a adquisición de material informático convocadas polo Concello

07/09/2021

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe ous dous programas de axudas para estudantes convocados polo Concello da Laracha e aos que se destinan un total de 75.000 euros procedentes dos fondos municipais.

Por unha parte está a habitual convocatoria de axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos, dotada con 55.000 euros, coas que o Concello coopera no financiamento da adquisición do material escolar e didáctico complementario ou calquera outro desembolso directamente relacionado coa actividade educativa para o curso 2021-2022. As contías das subvencións serán de 125 euros cada unha para os beneficiarios de bolsas de estudos que sexan estudantes de educación infantil, 100 euros para os de educación primaria, secundaria obrigatoria, 180 euros para os estudantes de bacharelato e ciclos formativos de grao medio e superior e 300 euros tanto para os que cursen estudos universitarios de grao medio ou superior como para aqueles alumnos que requiran de necesidades educativas especiais.

A outra convocatoria municipal de axudas aos estudantes realízase por segundo ano consecutivo e ten por obxecto subvencionar a adquisición de material informático ao longo do 2021. O Concello destina 20.000 euros a este programa, pensado especificamente para o alumnado que comprase ou vaia comprar antes de final de ano un ordenador persoal, tableta, impresora ou libro electrónico para a súa actividade educativa. Neste caso, a contía das axudas será de 200 euros e non poderán solicitalas as familias que xa se beneficiaran delas o curso anterior.

En ambas convocatorias a concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, sendo os criterios de outorgamento a renda per cápita, número de membros e características da unidade familiar e o expediente académico dos solicitantes. Poderán participar nestes programa de axudas todos os estudantes de calquera nivel (desde educación infantil ata universitarios no caso das bolsas de estudos e a partir de primaria as axudas para a compra de equipamento informático) que estean empadroados no Concello da Laracha  desde antes do 1 de setembro de 2020. Estas liñas de subvencións municipais son compatibles con calquera convocatoria de bolsas de estudos realizada por outra administración ou institución.

O prazo para a presentación de solicitudes é de un mes para as axudas á escolarización e de vinte días naturais para as relativas ao material informático. As solicitudes poden presentarse en liña a través da sede electrónica ou tamén acudindo de xeito presencial ao Concello.

 

DOCUMENTACIÓN

Axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos:

Bases

Impreso solicitude

Axudas ao alumnado para a adquisición de material informático:

Bases

Impreso solicutude