Concello
O alcalde e o presidente da Xunta presiden o acto de inauguración do centro comunitario de Caión
08/09/2021
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiron o acto de inauguración do Centro Comunitario “Costa da Morte” de Caión que se desenvolveu coincidindo coa Romaría dos Milagres, o día grande da vila. Tamén participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, o Vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Trala bendición das instalacións a cargo do párroco de Caión, Andrés Trinquete, as autoridades fixeron un percorrido polo novo edificio cunha visita a todas as súas estancias guiada por Santiago González, arquitecto do estudo Naos, e Pedro Rodríguez, responsable da empresa construtora Desarrolla. Na primeira planta sitúanse as que serán as novas oficinas da Confraría de Pescadores de Caión, a biblioteca municipal -trasladada desde a súa anterior ubicación na Insua- e dúas aulas multiusos. Na planta baixa, xunto á entrada principal, está o salón de actos, no que se realizaron as intervencións das autoridades.
O alcalde explicou que o nome do centro comunitario é simbólico pola “vocación integradora das novas instalacións” que serán un “enclave de xuntanza cultural e social e, desde este instante, infraestrutura emblemática da cabeceira da Costa da Morte”. López Varela, que tamén destacou a “singularidade construtiva polas formas curvas que simulan o lombo das baleas”, agradeceu a cooperación da Xunta de Galicia no financiamento do edificio e tamén da Confraría de Pescadores por “tantos anos de bo entendemento, colaboración e acordos para a mellora de Caión”. O rexedor avanzou que en breve o novo centro comunitario acollerá unha exposición da rede REMA de Espazos Museísticos Atlánticos en colaboración co Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte e do Arquivo da Pesca de Caión. Para concluír, mostrou a súa satisfacción por “cumprir o compromiso de dotar a Caión cunha infraestrutura multifuncional que mellorará a calidade de vida dos veciños”.
Alberto Núñez Feijóo considerou que a nova infraestrutura “é un acerto pleno, tanto polo aspecto exterior como polas divisións interiores”, vaticinando que “igual que a súa beleza natural, as súas praias e a situación especial, tamén este edificio vai formar parte do patrimonio da memoria da xente que se achegue ata Caión”. O presidente da Xunta mostrouse “convencido de que este será un lugar de encontro dos veciños donde compartir tempo e actividades” e mesmo refiriuse ao centro comunitario como “un foro no que se cohesiona un pobo”. Tamén aludiu á singularidade de Caión, lembrando “a renovación do peirao no que a Xunta investiu catro millóns de euros”. Finalizou afirmando que co novo edificio “engalanamos esta fermosa vila mariñeira, que é a entrada da Costa da Morte, e facémolo cun fío que une o pasado co presente e co futuro das familias actuais e vindeiras”.
Tralas intervencións, o grupo de pandereteiras da Asociación Cultural Arume de Caión interpretaron sobre o escenario o “Maneo e Muiñeira de Caión” para pechar o acto.
A construción do centro comunitario “Costa da Morte” de Caión tivo un orzamento de 1,2 millóns de euros e foi cofinanciado entre o Concello da Laracha, a Consellería de Política Social e a Consellería do Mar a través do GALP Costa da Morte. As instalacións, trala acto de inauguración celebrado pola mañá, xa acolleron pola tarde o concerto do grupo Battosai, incluído no programa “Rueiros da Vila” de actividades lúdicas e culturais organizado polo Concello en torno ás Festas dos Milagres.