• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello realiza unha enquisa á poboación para identificar posibles desigualdades entre homes e mulleres

01/09/2021

O Concello da Laracha conta xa cunha historia de máis de vinte anos de desenvolvemento de políticas de igualdade entre mulleres e homes. Neste período de dúas décadas creouse o Centro de Información ás Mulleres e desenvolvéronse tres Plans Municipais de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

Agora, durante o procedemento previo de recollida de información para a elaboración do novo Plan de Igualdade Municipal, o Concello comezou a realizar unha enquisa entre a poboación que permitirá identificar as principais desigualdades entre mulleres e homes que a día de hoxe poidan existir no termo municipal. O obxectivo principal da enquisa é obter unha diagnose da situación actual de mulleres e homes que sirva de base para coñecer a realidade e deseñar actuacións municipais para os próximos anos que permitan paliar as situacións detectadas.

Para a realización da enquisa cóntase coa colaboración dos mozos e mozas que participan no programa de voluntariado xuvenil que organiza o Concello co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. As entrevistas á veciñanza comezaron hoxe e prolongaranse ata o 15 de setembro, período no que o voluntariado visitará as parroquias de Cabovilaño, Caión, Coiro, Montemaior, Lestón e Torás.

Este proceso de elaboración do novo Plan de igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes conta tamén coa colaboración de todo o persoal do Concello, que participa na avaliación do plan de igualdade anterior. No pasado mes de agosto realizáronse presentacións do proxecto aos diferentes departamentos municipais –Servizos Sociais, Cultura, Deporte, Promoción Económica e Emprego, Urbanismo, etc- nas que participaron máis de 30 persoas.