• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello promociona o turismo, os espazos naturais e os estilos de vida saudables con “A Laracha Activa”

27/08/2021

O alcalde, José Manuel López Varela, presentou este mediodía o programa A Laracha Activa, promovido polo Concello e que inclúe sete rutas para realizar a pé ou en bicicleta de montaña que poderá realizarse de forma autoguiada a través da aplicación para smartphones Wikiloc.

O rexedor municipal explicou que o proxecto foi posible grazas á coordinación entre diferentes departamentos do Concello, xa que A Laracha Activa relaciona o turismo co deporte e a cultura. De feito, López Varela puxo de manifesto que os propósitos son “dinamizar o sector turístico modernizando a oferta municipal empregando as novas tecnoloxías, poñer en valor e aproveitar o potencial dos fermosos espazos naturais que temos no Concello e impulsar os estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física”.

Os sete itinerarios propostos son os seguintes:

  • Ruta de Caión: Porta da Costa da Morte. 12,3 km e dificultade media. Con inicio na Praza do Concello e fin na praza Eduardo Vila Fano de Caión, percórrense antigos camiños de peregrinación ata o santuario dos Milagres.
  • Circular BTT A Laracha-Soandres-A Laracha. Trátase da ruta deseñada polo Club Ciclista Laracha en Dúas Rodas e sinalizada de xeito permanente polo Concello. É circular, parte da Praza do Concello e ao longo de 40,3 km percorre os arredores do río Anllóns, o miradoiro de San Marta, o mosteiro de Soandres e o Museo dos Muíños de Golmar. É de dificultade alta, cun desnivel de 983 metros.
  • Ruta 360º Á Laracha. Con 17,9 km e dificultade media, esta ruta circular con principio e fin na Praza do Concello discorre polas parroquias de Torás, Vilaño, Golmar, Soutullo, Coiro e Soandres, e ten o seu punto máis alto a metade de percorrido no miradoiro de Santa Marta, desde o que se obtén unha espectacular vista panorámica.
  • O vibrar do río Anllóns. 12,7 km e dificultade media. Inicio e fin na praza Olonne Sur Mer da Laracha. Permite coñecer recursos de valor etnográfico e arqueolóxico, xa que toparemos cos muíños do Formigueiro e As Fervenzas e chegaremos ata o Castro de Montes Claros.
  • Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro. 4,3 km e dificultade baixa. Inicio e fin no Museo dos Muíños de Golmar, discorre xunto ao Acheiro e ao longo do percorrido poderanse contemplar freixas e varios restos de muíños.
  • As pegadas do Bradoso. Ruta circular de 7,1 km e dificultade media con inicio e fin na escola unitaria de Cumiáns. Percorre un sector do río onde se concentran nove muíños de auga, destacando tamén a variedade de especies de flora de bosque de ribeira.
  • O sentir de Soandres. 15,9 km e dificultade baixa, con inicio e fin no mosteiro de San Pedro de Soandres. Pasarase pola ladeira do coto de Pedrouzo, onde nace o río Anllóns, e ao longo do percorrido coñecerase a riqueza arqueolóxica da zona, onde se sitúan elementos como o dolmen Forno Dos Mouros, a pedra da Cabirta, as mámoas de Silvoso e do coto de Altamira e diferentes penedos graníticos de gran tamaño.

 

O alcalde lembrou que todas estas rutas xa se realizaron nos últimos anos a través de programas municipais con gran éxito de participación e que agora facilítase a posibilidade de que calquera persoa, turistas e tamén laracheses, poida facelas de xeito independente en calquera momento do ano. Neste punto agradeceu tanto ao club ciclista Laracha en Dúas Rodas como de xeito individual a Abel Matos e Anxo García a colaboración que prestaron no deseño dos itinerarios.

Pola súa parte, Guti Martín, da empresa Sherpa Project que planificou e deseñou A Laracha Activa, referiuse a esta iniciativa como un “programa aberto” que, agarda, incorpore máis rutas durante os próximos anos por outros puntos do Concello. De feito, explicou que o logotipo ten trece frechas precisamente para simbolizar as trece parroquias do termo municipal.

As sete rutas presentadas hoxe xa están dispoñibles en Wikiloc e tamén teñen un apartado específico na web municipal de turismo. Ademais, o Concello editou folletos informativos que están a disposición da cidadanía na Casa Consistorial e na oficina de turismo de Caión.

Compartir: