Concello
Caión acollerá o 10 de setembro unha xornada de Cultura Urbana
26/08/2021
No marco do programa de actividades en torno ás Festas dos Milagres, o Concello programou en Caión o día 10 de setembro unha xornada de cultura urbana a cargo da entidade Vella Escola e dirixida a mozos a partir de 13 anos de idade. O evento trasládase á vila costeira desde a capital municipal, onde estaba previsto inicialmente.
O lugar escollido para o desenvolvemento deste novidoso evento será a zona verde situada nas inmediacións do acceso principal á praia das Salseiras.
A xornada principiará ás 17:00 horas con tres obradoiros de breakdance, freestyle football e beatbox que se levarán a cabo de forma simultánea por espazo de dúas horas.
Para participar nos obradoiros requírese de inscrición previa cubrindo este FORMULARIO. As prazas son limitadas e terán preferencia as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.
A continuación, desde as 20:30 horas, terá lugar o espectáculo Ópera Break´s, no que se mestura nunha única función diferentes disciplinas artísticas como a ópera cantada en directo coa voz de Esperanza Mara, o breakdance, o beatbox e un Dj. Neste caso a asistencia está aberta a todos os públicos.