• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os comerciantes ambulantes que desexen conservar os seus postos na feira deben comunicalo ao Concello

20/08/2021

O novo texto do regulamento municipal de venda ambulante entrou en vigor recentemente trala publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da aprobación definitiva do mesmo o pasado día 20 de xullo. Este cambio foi promovido polo Concello coa finalidade esencial de avanzar cara unha máis óptima organización da feira de Paiosaco que se desenvolve o primeiro e terceiro domingo de cada mes, e tamén do mercadillo dos luns en Caión.  

A nova norma mellora aspectos como o funcionamento interno, o procedemento de concesión dos postos, o cambio de titularidade, a identificación dos comerciantes e os requisitos necesarios para exercer a venda. Ademais, quedan establecidas multas aos titulares de postos que non os manteñan nun correcto estado de limpeza tralo remate das xornadas de feira.

En virtude do novo regulamento, un dos trámites que deberán realizar de xeito inmediato os comerciantes ambulantes que veñen exercendo este tipo de venda e que desexen conservar os seus postos asignados no recinto feiral é comunicar ao Concello a súa intención de continuar co exercicio da actividade. Para iso deberán presentar antes do 20 de outubro o modelo de solicitude coa documentación requirida.

O Concello, que xa informou desta circunstancia a todos os comerciantes ambulantes que acudiron á última feira de Paiosaco, habilitará a partir do martes unha oficina asistencial na Casa Consistorial para realizar este trámite de carácter obrigatorio. Requírese reservar cita previa chamando ao 981605001. Tamén pode facerse en liña a través da sede electrónica.