• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A PISCINA MUNICIPAL E O CAMPO DE FÚTBOL DA LARACHA CONTARÁN EN SETEMBRO COS NOVOS SISTEMAS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA

01/09/2016

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Francisco Cancelo Fernández, representante da empresa multinacional Elecnor S.A., asinaron o 26 de agosto no Concello os contratos para a implantación de caldeiras de biomasa nos complexo deportivos da piscina e do campo de fútbol Municipal e pavillón da Laracha. Este trámite faise despois de que a Xunta de Goberno Local clasificase as dezaoito ofertas presentadas, sendo a de Elecnor S.A. a máis favorable para o Concello.   

Nos próximos días asinarase a correspondente acta de comprobación do replanteo e a continuación iniciaranse as actuacións previstas para subministrar os novos sistemas de xeración de calor, que estarán operativos no mes de setembro.   Este proxecto está valorado en 170.000 euros e será cofinanciado nun setenta e cinco por cento cunha achega económica do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro do programa para proxectos de equipamentos térmicos de biomasa.   

Segundo o estudo realizado polo Concello da Laracha, o aforro enerxético estimado cos novos sistemas será de preto do trinta por cento do gasto das actuais caldeiras de gasóleo. Por tanto a actuación, ademais de ser respectuosa no aspecto medioambiental, tamén será economicamente rendible a curto prazo.   

As instalacións da piscina municipal da Laracha compóñense do vaso con oito rúas, spa, solarium e dous ximnasios. Pola súa parte, o complexo deportivo municipal da Laracha está formado polo campo de fútbol, o pavillón polideportivo e as dúas pistas de pádel.   

Unha vez dotados ambos complexos deportivos coas novas caldeiras de biomasa, deixarase de empregar o gasóleo nestas instalacións deportivas de titularidade municipal para dar paso a outro sistema enerxético máis limpo, eficiente, menos custoso no aspecto económico e mantendo a mesma calidade no servizo para os usuarios.

Compartir: