• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello realiza actuacións de mellora, mantemento e posta e punto nos colexios de cara ao inicio do curso escolar

20/08/2021

O 9 de setembro comezará o curso escolar 2020-2021 para o alumnado dos centros de educación infantil e primaria Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión.

Como cada verán, aproveitando o cese da actividade nos colexios durante as vacacións, o Concello, en coordinación coas direccións dos centros, está a acometer unha serie de actuacións de mantemento, reparación e posta a punto para que tanto as instalacións como os equipamentos estean en perfectas condicións para recibir o novo curso e facilitar o labor tanto do persoal dos CEIPs, dos docentes e do alumnado.

Así, no CEIP Otero Pedrayo están a ser repintadas as dez aulas do segundo andar do edificio de primaria e dotando co mobiliario ao estudo da nova radio que se inaugurará no colexio. Tamén se leva a cabo a canalización soterrada para abastecer de auga potable á zona na que se sitúa o invernadoiro.

No CEIP Alfredo Brañas as principais intervencións consisten na adecuación do portalón da entrada ás necesidades indicadas pola dirección do centro e no mantemento da beirarrúa de acceso desde a rúa A Porta Santa. Neste colexio recentemente foi retirada pola Xunta de Galicia a estrutura da pasarela cuberta da zona do patio, que carecía de utilidade.

No CEIP de Caión realízase unha completa actuación no ximnasio que inclúe o pulido e vernizado do parqué e tamén a pintura das paredes. Tamén será reparado o peche perimetral do patio exterior coa reposición da malla.

Ademais, nos tres colexios lévanse a cabo nestas datas limpezas integrais das instalacións, melloras eléctricas e de fontanería, mantemento de zonas axardinadas e reparacións no firme dos accesos e patios en puntos que así o requiren.

Durante todo o ano o Concello da Laracha mantén unha comunicación fluída cos equipos directivos dos centros de ensino, o que permite ao grupo de goberno coñecer de primeira man as necesidades que neles se presentan, realizándose a maioría das actuacións de entidade durante o verán para evitar molestias ás comunidades educativas.