• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolverá unha campaña informativa para potenciar o reciclado de aceites domésticos

21/08/2021

O Concello vén de poñer a disposición da cidadanía un total de doce colectores para o depósito de aceite doméstico, de cor laranxa e facilmente identificables, que foron instalados en puntos estratéxicos das vilas da Laracha (Avenida Fisterra, rúas Río Acheiro, Lino Gómez Canedo, Santa Lucía, Rosalía de Castro, Luis Martínez Vázquez e Epifanio Campo xunto ao centro médico, así como na estrada AC-552 á altura das Torres de Cillobre), Paiosaco (campo da feira) e Caión (Avenida da Laracha e rúa Campo da Insua), e tamén na urbanización Monte Claro no Cancelo do Medio (parroquia de Cabovilaño).

A recollida destes novos colectores será a cargo de Coregal, tal e como estaba estipulado na concesión do contrato de xestión do punto limpo.

O obxectivo desta iniciativa é facilitar a cidadanía un modo ecolóxico de desfacerse do aceite vexetal de cociña unha vez usado, xa que se trata dun material especialmente contaminante para a auga, que dificulta en gran medida o proceso de depuración e que, por tanto, non debe botarse polos desaugadoiros da cocina nin polos inodoros para evitar que cheguen á rede de sumidoiros.

En próximas datas o Concello desenvolverá unha campaña informativa colocando stands en diferentes puntos do municipio nos que se explicará o modo no que debe depositarse o aceite nos colectores (dentro de botellas de plástico ben pechadas) e tamén se repartirán de xeito gratuíto embudos entre a poboación larachesa, precisamente para facilitar a separación do aceite para o seu posterior tratamento.

En dita campaña o Concello contará coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Ministerio de Transición Ecolóxica a través das axudas dos Plans de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA) e do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.