• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha acollerá novos obradoiros de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes no medio rural

10/08/2021

O feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven dita tarefa (os denominados “custos do coidar”). En moitos casos ditas persoas, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a súa saúde, a súa autoestima, o seu lecer e tempo libre, a súa vida familiar, as súas relacións, o seu traballo e por tanto a súa economía. Para estas mulleres a responsabilidade case exclusiva do coidado das persoas dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os seus desexos e necesidades para atender aos doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social.

Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

O obradoiro constará de seis sesións que se impartirán os luns a partir do 13 de setembro en horario de 10:00 a 12:00 horas no centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior) ou de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Lendo.  

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981612811.