• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello contará desde mañá co servizo de atención temperá

03/08/2021

O servizo de atención temperá comezará a funcionar no Concello da Laracha a partir de mañá. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, acompañados por persoal técnico municipal, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da empresa que prestará o servizo.

A atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social.

Grazas a este programa, o Concello contará cunha logopeda, unha psicopedagoga e unha mestra de educación especial para ofrecer unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais dos nenos. A clave é poder detectar esas dificultades o antes posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo do cativo.

En todo caso, a derivación dos nenos ao servizo de atención temperá será a través dos servizos sociais municipais, aos que debe acudir a familia se sospeita que pode presentar un trastorno do desenvolvemento. Pódese solicitar cita previa chamando ao 981612811.

Para o financiamento do servizo, o Concello conta coa colaboración económica da Consellería de Política Social ao abeiro da convocatoria de subvencións destinadas a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá que están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco operativo FSE Galicia 2014-2020 (DOG número 77 do 26 de abril).

Cartel Servizo Atención Temperá