Concello
Comeza o programa de voluntariado xuvenil que se realizará no Concello co apoio da Xunta de Galicia
01/08/2021
O Concello porá o luns en marcha o programa de voluntariado xuvenil que organiza co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Nove mozos formarán parte deste programa dirixido a persoas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Durante os próximos meses participarán como persoal de apoio aos técnicos especializados nas diferentes actividades municipais de tipo cultural, social, educativo, deportivo, xuvenil, medioambiental e de promoción do benestar das persoas maiores e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres que se levarán a cabo nos próximos meses.
Os voluntarios recibirán a orientación, a formación e o apoio necesarios para o exercicio da súa actividade. Ao rematar a participación entregaráselles un certificado oficial que acreditará a súa colaboración e recoñecerá o seu valor social. Durante o desenvolvemento das xornadas tamén percibirán unha compensación económica diaria.
O propósito final é fortalecer a aprendizaxe dos voluntarios e reforzar os seus valores solidarios.
Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
Outro programa de similares características e tamén dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos será realizado pola Agrupación de Protección Civil, do mesmo xeito coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Comezará a desenvolverse nos próximos días.