• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

APROBADA A TRANSFERENCIA DE CRÉDITO QUE PERMITIRÁ AFRONTAR OS GASTOS MUNICIPAIS DO OBRADOIRO DE EMPREGO

01/09/2016

O Pleno do Concello da Laracha, reunido o sábado 27 de agosto en sesión extraordinaria, acordou aprobar o expediente de modificación de crédito 9/2016, consistente no cambio nos presupostos vixentes mediante unha transferencia de crédito por un importe total de 50.000 euros entre aplicacións orzamentarias de diferentes áreas de gasto.   

Dita modificación nos presupostos vén motivada pola necesidade de facer fronte á achega municipal correspondente ao obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego, programa que foi aprobado pola Xunta de Galicia no pasado mes de xuño e para o que, por tanto, non existía inicialmente a correspondente consignación orzamentaria (os presupostos do Concello foran aprobados en decembro de 2015).   

O obradoiro de emprego, que se iniciará no mes de setembro, constará de dúas especialidades centradas nos sectores profesionais de traballos de carpintería e mobles e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Terá unha duración de seis meses e contará cun total de 20 alumnos traballadores, ademais do equipo directivo, docentes e persoal de apoio que se contrate especificamente para o correcto desenvolvemento do proxecto.   

A transferencia de crédito de 50.000 euros financiarase coa baixa en aplicación de gastos dunha actuación de mellora na rede viaria que se incorporará aos orzamentos do próximo exercicio económico.   

Por outra banda, na sesión plenaria tamén foron sorteadas as mesas electorais para os comicios ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 25 de setembro. Nesta ocasión haberá unha mesa máis porque a 9U de Torás, ao superar os mil electores, divídese en dúas (9A e 9B). Aínda que ambas estarán no mesmo lugar (biblioteca municipal da Laracha), desde o Concello recomendamos aos veciños que comproben as tarxetas censais que a Oficina do Censo Electoral lles remitirá nos próximos días ás súas vivendas para coñecer a mesa na que poden exercer o seu dereito ao voto.

Compartir: