• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados por unanimidade todos os asuntos do Pleno ordinario

30/07/2021

No Pleno ordinario celebrado hoxe na Casa da Cultura da Laracha os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade todos os asuntos incluídos na orde do día.

Tamén houbo consenso na declaración institucional de apoio á comunidade educativa do CEIP de Caión en mostra do apoio do Concello á súa solicitude de que se manteñan as tres aulas de primaria no centro de cara ao curso escolar 2021-22. A lectura do texto por parte do alcalde, José Manuel López Varela, en nome da Corporación municipal concluíu cos aplausos do director do colexio, do equipo docente e do presidente da ANPA A Balea que estiveron presentes no Pleno.

Xa inmersos nos puntos da orde do día –e tras gardarse dous minutos de silencio en sinal de respecto ás vítimas da violencia de xénero e da covid-, aprobouse o suplemento de crédito e crédito extraordinario por un importe total de 236.546,70 euros procedentes do remanente líquido de tesourería para executar diversas actuacións de interese xeral. O rexedor municipal detallou as obras que se levarán a cabo con estes fondos, centradas na mellora da rede de abastecemento de auga na zona alta da parroquia de Cabovilaño e en Lemaio, ampliación do parque infantil da praza O Recreo (A Laracha), equipamentos para o centro sociocomunitario de Caión, intervención no Museo dos Muíños de Golmar, melloras no complexo deportivo do campo Municipal da Laracha –incluíndo o pavillón-, adquisición de mobiliario urbano, proxecto de nova numeración de vivendas nas parroquias e plan de mellora da accesibilidade (rebaixas de bordillos, pasos para peós, etc.) que comezará polo núcleo urbano da Laracha.

Tamén foi aprobado o convenio con Augas de Galicia que posibilitará a creación de novos depósitos de auga de cabeceira e unha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións. Ambos proxectos corresponden á primeira fase do plan de mellora da rede de abastecemento do Concello da Laracha, cun investimento previsto de 1.850.000 euros, dos cales a achega municipal será de 370.000 euros, financiando Augas de Galicia os 1.480.000 euros restantes. As obras executaranse entre os anos 2021 e 2022. En virtude do acordo, o Concello comprométese a poñer a disposición de Augas de Galicia os terreos afectados polos proxectos. O alcalde cualificou a actuación de “potente”, considerando que se trata dunha “boa noticia porque permitirá mellorar o abastecemento en todo o territorio”.

Ademais foron fixados o 1 de marzo (Martes de Entroido) e o 8 de setembro (Romaría dos Milagres de Caión) como os festivos locais para o ano 2022.

Salientar, por último, a aprobación de dúas mocións instando ao Goberno de España a negociar coa Xunta e cos concellos unha reorientación e flexibilización dos criterios de reparto e dos prazos para a execución dos fondos europeos Next Generation en beneficio dos municipios máis pequenos, e a que se adopten as medidas necesarias para reducir o impacto negativo da nova tarifa eléctrica na economía das familias e na competitividade das empresas.