• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha mantense á cabeza da comarca de Bergantiños na taxa de doazón de sangue

20/07/2021

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron hoxe no Concello a campaña de verán de doazón de sangue que, do mesmo xeito que en anos precedentes, conta co impulso e a colaboración municipal.

Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha é o concello de Bergantiños que presenta unha maior taxa de doazón, con 45 por cada mil habitantes en 2020, superando en dez puntos a media comarcal e en dezaseis a media galega. Como dato global, no ano pasado realizáronse 508 doazóns nas unidades móbiles desprazadas ao termo municipal da Laracha.

A directora de ADOS afirmou que “Galicia está no terceiro posto estatal en taxa de doazón de sangue, soamente por detrás de Estremadura e Castela e León”. Sen embargo, apuntou a dificultade do verán con respecto a outros momentos do ano porque “é unha época na que se rompen os hábitos, pero a pesar diso nós temos que continuar garantindo o abastecemento nos hospitais”. Por ese motivo recalcou a importancia desta campaña, agradecendo a solidariedade da cidadanía e o “apoio incondicional do alcalde participando activamente en todo o que propoñemos”.

De cara o futuro, sinalou que o reto será “achegarse á xente nova”, xa que neste ano foi máis complicado debido á menor presenza de estudantes nas universidades por causa da situación sanitaria, o que supuxo que se reducise o número de novos doantes.

Tamén apuntou que os grupos sanguíneos que presentan un menor volume de reservas e, por tanto, unha maior necesidade de doazóns no momento actual son os 0+, 0- e B+.

Pola súa parte, o alcalde valorou que A Laracha se manteña no primeiro posto en taxa de doazón na comarca de Bergantiños, agradecendo “o xesto altruísta da veciñanza”. O rexedor considera que “para as diferentes administracións ten que ser unha obriga colaborar nestas campañas promovidas por ADOS para, entre todos, axudar a salvar vidas”.

Por iso López Varela concluíu facendo un chamamento á cidadanía para participar na campaña de verán, lembrando que se trata dun acto “plenamente seguro”. A unidade móbil de ADOS está hoxe na Praza do Concello e repetirá mañá no mesmo horario (10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 horas). Regresará xusto dentro dun mes, os días 20 e 21 de agosto. A finais de agosto está previsto que tamén se desprace ata Paiosaco e Caión.

Pódese reservar cita previa para realizar a doazón na hora máis conveniente chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828.