Concello
A aula lúdica municipal conta con preto de cen usuarios durante o verán
17/07/2021
O servizo de aula lúdica que o Concello ofrece durante o verán para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos de entre 3 e 12 anos, conta con preto de cen usuarios inscritos, sendo a media diaria de asistentes superior aos sesenta rapaces.
O servizo, que é gratuíto para os beneficiarios, préstase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, tempo durante o que os nenos realizan diversas actividades deportivas, culturais, educativas e recreativas adaptadas ás súas idades. Durante o verán empréganse as instalacións do CEIP Otero Pedrayo que ofrecen unha maior comodidade ao dispoñer de máis amplitude que na aula do edificio de servizos múltiples que se utiliza durante o curso escolar.
Tal e como establece o protocolo de seguridade elaborado polo Concello, os nenos están repartidos en seis grupos, contando cada un co seu monitor, un espazo diferenciado e sen relacionarse cos outros cinco grupos durante toda a xornada.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López realizaron unha visita ao CEIP Otero Pedrayo para interesarse polo funcionamento deste servizo municipal.
Madrugadores
Paralelamente, o Concello tamén ten aberto ata o 31 de xullo o prazo de inscrición ordinario para o programa Madrugadores que se porá en marcha co inicio do curso escolar. Trátase do servizo de axuda á conciliación que permite levar aos alumnos ao seu centro de ensino antes do inicio das clases e, deste xeito, adaptarse ás necesidades dos pais que entran a traballar antes de que comece o horario lectivo.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición en calquera das modalidades dispoñibles acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (edificio administrativo da Laracha). A documentación e as normas de funcionamento están dispoñibles na web municipal.