Concello
O servizo de abastecemento de auga cortarase na madrugada do mércores ao xoves na Laracha
17/07/2021
Con motivo das obras de mellora da rede principal de distribución de auga que abastece ao núcleo urbano da Laracha e a outras entidades de poboación próximas á capital municipal, na madrugada do mércores 21 ao xoves 22 de xullo será preciso efectuar un corte no subministro entre as 00:00 e as 8:00 horas que afectará a:
- Toda a vila da Laracha.
- Parroquias de Torás e Vilaño ao completo.
- Parroquia de Cabovilaño: soamente ata a glorieta de acceso á autoestrada AG-55, incluíndo a urbanización Monte Claro.
As obras foron programadas para realizarse en horario nocturno co propósito de minimizar os inconvenientes tanto nas vivendas como nos establecementos comerciais.
O Concello agradece a comprensión da veciñanza ante as molestias que poidan ocasionar as obras, que son necesarias para continuar garantindo a maior calidade no subministro de auga.