Concello
O punto limpo e o servizo de recollida de voluminosos comezarán a funcionar o luns baixo a xestión de Cogami
15/07/2021
Nun acto desenvolvido nas propias instalacións do punto limpo da Laracha, este mediodía formalizouse a entrega das instalacións e dos seus equipamentos complementarios por parte da anterior concesionaria –Aspaber- á empresa que se encargará da xestión a partir do luns da próxima semana –Cogami-.
O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu o labor desenvolvido por Aspaber desde 2013, apuntando que nestes oito anos “demos un impulso ao punto limpo e incorporamos novos servizos como a recollida domiciliaria de voluminosos”.
A continuación, o rexedor deu a benvida aos representantes de Cogami, a nova xestora, lembrando que, ademais dos mesmos servizos que se viñan prestando con anterioridade, tamén se encargará da recollida de aceites domésticos, incluída por primeira vez no contrato e para o que será precisa a instalación de contedores nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión, así como na urbanización Monte Claro de Cabovilaño.
López Varela tamén recordou que o Concello volveu apostar por dirixir a licitación destes servizos exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
Mesmos horarios e novo teléfono para a recollida de voluminosos
Con motivo da posta a punto das instalacións, nesta semana o punto limpo permanece pechado ao público. A partir do luns (19 de xullo) reabrirá xa baixo a xestión de Cogami no mesmo horario co que viña funcionando nos últimos anos:
- Luns de 15:00 a 20:00 h.
- Mércores e venres de 16:00 a 20:00 h.
- Sábados de 9:00 a 14:00 h.
A recollida de voluminosos tamén volverá estar operativa desde o luns. O novo teléfono gratuíto para solicitar o servizo é o 900 701 120.