• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello mellora a rede principal de abastecemento de auga no núcleo urbano da Laracha

09/07/2021

O Concello ten en fase de execución un amplo proxecto dirixido a mellorar a rede principal de distribución de auga que dá subministro ao núcleo urbano da Laracha e a outras entidades de poboación próximas á capital municipal.

A intervención afecta a un tramo duns trescentos metros de lonxitude a ambas marxes da Avenida Fisterra desde o seu punto de confluencia coa rúa Santiago e ata o lugar das Torres de Cillobre.

O proxecto presenta actuacións diferenciadas. Estanse a substituír as canalizacións da rede do servizo de abastecemento para renovalas e aumentar o caudal pensando nas necesidades que poidan presentarse no futuro. Ademais, realízanse as catro conexións de rede actualmente en servizo coa futura e as correspondentes conexións aos novos tramos das acometidas existentes nas vivendas da zona.

Con motivo destas obras foi preciso cortar puntualmente o subministro en determinados puntos da rede, realizándose esa fase dos traballos durante a noite co propósito de minimizar a afección para as vivendas. No caso de requirirse novos cortes para a execución das actuacións previstas, tamén se levarían a cabo en horario nocturno.

O Concello financia este proxecto integramente con fondos propios municipais. O investimento sitúase en torno aos 40.000 euros.