• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O menhir de Erboedo e o terreo no que se sitúa xa son de titularidade municipal

10/07/2021

O menhir de Erboedo –tamén coñecido como marco da Anta ou pedra do ghicho- xa é de propiedade municipal.

O Concello completou o procedemento de expropiación dos terreos nos que se sitúa o menhir e o seu entorno, adquirindo unha superficie de 4.651 metros cadrados -repartidos en tres parcelas catastrais e cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico de protección integral de patrimonio e solo rústico de protección forestal ou de montes- co propósito de preservar o seu valor histórico e levar a cabo as actuacións precisas para favorecer a súa conservación e acondicionar os accesos. Tamén será incluído no Parque do Megalitismo da Costa da Morte para poñelo en valor.

Situado nas inmediacións do núcleo de O Loureiro, o menhir de Erboedo é o único exemplar deste tipo do que se ten constancia na Costa da Morte. Alcanza os dous metros de altura, debuxa unha forma características de pedra apuntada de lados asimétricos e posúe calzos na base.

Cabe lembrar que o goberno local impulsara o Plan Especial de Patrimonio Cultural -que supuxera unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)- precisamente cos obxectivos de ofrecerlle a máxima protección a este menhir e a outros seis elementos do catálogo de patrimonio municipal –Castro de Montes Claros, Castro da Pena, Croa de Santa Baia, as Torres de Cillobre e os dous Fornos dos Mouros de Soandres- e posibilitar a súa adquisición.